CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 23-24-25 / SETEMBRO / 2016

inicio

CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 23-24-25 / SETEMBRO / 2016

TERCEIRA DIVISIÓN NACIONAL (Galicia)
SD Compostela – CD As Pontes (2-1)

Triste derrota do As Pontes, nos derradeiros minutos, na súa visita a San Lázaro (2-1). E iso que se adiantaron os azuis co tanto de Ibou, que xa anteriormente se plantara só ante o porteiro local e este despexara a córner, pero tralo saque de esquina resarcíase anotando o seu primeiro tanto como xogador azul. Pouco durou a ledicia, pois apenas dous minutos despois tras unha indecisión dos centrais azuis empataba o Compostela e por riba marcaba o ex pontés Santi Gegunde.

O primeiro tempo foi de moitas ocasións compostelanistas, pero no segundo o xogo foi máis alterno. Sen embargo, faltando cinco minutos, nunha contra anotou Diego Rey o gol do triunfo definitivo a pesar de dispoñer os de Marco Roca dalgunha ocasión nos derradeiros minutos. O As Pontes segue cuns preocupantes dous puntos, e só o Ordes, que aínda non puntuou, mírao por debaixo. Xogaron polo As Pontes, Paco, Criado, Buyo, Prieto, Callón, Rubio (Cristian, min. 86), Ramos, Álvaro (David González, min. 46), Ibou, Edi, e Rubén Pardo.

LIGA FEMININA F8 (D. Ferrol)
CD As Pontes – C. Maniños SD (1-3)

Derrota do equipo feminino ante o líder Cultural Maniños, 1-3, que chegaba ó Poboado con 25 goles a favor por ningún en contra e con gañas de resarcirse da derrota nos penaltis na final da Copa Afaco de hai apenas tres meses. As de Maniños adiantáronse con tanto de penalti de Carolina, vantaxe que ampliou Carmen antes do descanso. No segundo tempo Noelia Ameneiro recortaba distancias, tamén dende o punto fatídico, pero Noemí poñía o 1-3 definitivo que mantén no primeiro posto ás fenesas, igualadas co Val B, que ten menos goles. As pontesas, sextas con seis puntos, visitan a semana que vén ó complicado Cariño, que ten cinco. Xogaron Leti, Yoli, Carolina, Uxía, Noelia Ameneiro, Vicky, Xeila, Paula Castro, Carlota, Yaiza e Yara. Non gustou a actuación do árbitro, Daniel Pérez Ferro, da delegación de Ferrol.

1ª AUTONÓMICA XUVENIL 1ª FASE (D. Ferrol)
CD As Pontes – SD O Val B (3-0)

O Xuvenil venceu o venres 3-0 ó Val B. Os ponteses adiantáronse no primeiro tempo co tanto de Cazás, e no inicio do segundo un penalti anotado por Pita e un centro de Josiño, que Carlos rematou ó fondo das mallas chegando ó segundo pau, sentenciaron o encontro. Os de Felipe Mieres suman os seus primeiros tres puntos antes dunha importante visita ó colista Ortigueira. Xogaron Lino, Fraga, David, Bruno, Unai, Iago, Carlos, Pita, Cazás, Casas e Josiño, entrando despois Meidan, Manuel Romero, Manuel Fernández, Alex e Diego.

Boa arbitraxe do ferrolán Diego Bouza Pena, un xoven colexiado que promete facer moito no mundo da arbitraxe.

1ª AUTONÓMICA CADETE 1ª FASE (D. Ferrol)
AD Miño – CD As Pontes (1-1)

Moi ben o Cadete, que logrou o seu primeiro punto ante o Miño, 1-1, que marchaba con sete puntos. Adiantáronse os de Rubén Pardo por medio de Vicente no primeiro tempo, pero faltando un cuarto de hora empatou David. A vindeira fin de semana reciben ó Ortigueira, que suma tres puntos. Xogaron Andrei, Xavi, Antonio, Santi, Nono, Antón Paz, Jorge, Xoel, Vicente, Xan e Jose, entrando despois Juan, Azoin, Brais, Antón Cillero e Mohamed.

1ª AUTONÓMICA BENXAMÍN 1ª FASE (D. Ferrol)
CD Narón – CD As Pontes (2-6)

O Benxamín A iniciou a Liga goleando 2-6 ó Narón, liderando a táboa antes de recibir ó R. Ferrol. Destacar os catro tantos de Adrián Díaz. Tamén marcaron Alejandro Leal e Sergio Vázquez. O Benxamín B non comezará a competición ata dentro de dúas semanas.

1ª AUTONÓMICA PREBENXAMÍN 1ª FASE (D. Ferrol)
CD As Pontes – Galicia de Caranza B (9-1)
SDR Ánimas B – CD As Pontes B (7-1)

O Prebenxamín A comezou a liga cunha contundente vitoria 9-1 ante o Galicia Caranza B, antes de visitar ó Cedeira. Tantos de Xandre Domínguez (2), Jose Villasuso (2), Xalo Cebreiro (2), Íker Ares (2) e David Maseda. O Prebenxamín B perdeu por 7-1 en Ferrol diante do Ánimas B antes de recibir ó Freixo Narón, tanto de Xoel Galego.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.