“Suso, chama á federación e comunícalles que non podemos saír o ano que ven”. Entrevista con Suso Fernández, coordinador deportivo do CD As Pontes

Bos días Suso:

Os que te coñecemos sabemos da túa traxectoria no fútbol

pontés e ferrolán, os teus incontables trofeos co club e que tiveches ao teu

cargo a xogadores da talla de Piscu, David Rochela, Cañi, Raquel Béjar ou

Malena Mieres, por exemplo. Para quen non che coñeza, ¿quen é Suso?  

Bos días. Suso é un home que chegou ao club da man de Tino Parajón, que en paz

descanse, alá polo ano 1999, para encargarse da coordinación da base. Imaxino que

sería porque viña de facer un labor parecido cos colexios, por exemplo o da

Magdalena, onde xa era coordinador deportivo e finalmente rematei como presidente.

E onde creamos por primeira vez, xunto con Juan Emilio Fresco, en representación da

comunidade escolar da Magdalena, o primeiro maratón escolar que se organizou nas

Pontes. Tamén estaba na asociación de AMPAS de Abrente e na asociación de

equipos da liga local de fútbol sala, da que tamén fun cofundador e vicepresidente. A

día de hoxe represento ao club como membro da xunta directiva da Delegación de

Ferrol de Fútbol. Somos membros tamén da asemblea da Federación Galega de

Fútbol e presidente de AFACO (Asociación de Fútbol Afeccionado Comarcal).

 

¿Cal foi o teu primeiro labor no CD As Pontes?

Basicamente coordinar as competicións, asistindo a reunións para o sorteo dos

calendarios, decidir o tipo de competición, etc. Por aquel entón, o club tiña o primeiro

equipo en Terceira División, xuvenil e cadete en liga galega, un infantil recentemente

ascendido tamén a liga galega, e un equipo alevín. Daquela non había sitio para todos

os nenos que se achegaban coa ilusión de xogar no CD As Pontes, e os adestradores

elixían en pretemporada aos que crían que debían quedar. Quixemos cambiar iso para

poder dar cabida a todos os nenos que querían xogar, e para iso creamos un segundo

equipo alevín reforzado con benxamíns. Despois chegou o fútbol 7, e con el creáronse

os equipos benxamín e máis tarde prebenxamín, e a día de hoxe contamos tamén co

biberón e o Feminino, que este último foi creado hai aproximadamente dez tempadas

pola gran afluencia de mozas que chegaban ao club interesadas en formar parte do

mesmo.

 

¿Como é o día a día dun coordinador deportivo?

O día a día agora mesmo é estar pendente de designar campos de adestramento de

cada equipo e horarios, coordinar a competición semanal en contacto co resto de

clubes e asistir ás reunións da federación, etc. Desde hai uns anos, creouse a figura

do Director deportivo, que é o que se encarga da forma de adestrar e todo aquilo que

se refire ao aspecto técnico da base, reunións cos pais, etc. De modo que cada

categoría traballa en función do que corresponda.

 

¿De cantos equipos consta a canteira e cantos xogadores a forman?

¿Variaron eses números con respecto a outras campañas?

Contamos con mais de 200 xogadores/as distribuídos nas distintas categorías,

ademais do equipo de Preferente. Son un total de 12 equipos en competición: Primeiro

equipo, Feminino, Xuvenil, Cadete, Infantil, dous Alevíns, dous Benxamíns, dous

prebenxamíns e un biberón. Desde que abarcamos todas as categorías, estes

números non variaron moito e movémonos sempre nestas cifras.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Como coordinador dunha escola de fútbol, ¿que principios crees que se deben

traballar na base?

Bueno, aquí hai moitas ideas. Pero eu creo que os nenos teñen que aprender a xogar

divertíndose, de maneira que non acaben aburríndose ou deixándoo. Está claro que a

medida que avanzan de categoría é importante centrarse na competición, sen

esquecer que somos un club de fútbol e temos que tratar de crear futbolistas. Pero ten

que primar o compañeirismo, a amizade, a humildade e saber competir sen humillar ou

desprezar ao rival. Mostrar respecto por compañeiros, rivais e árbitro é o primeiro que

teñen que aprender. Para min, hai dous grandes ensinos que calquera neno debe

adquirir: Saber gañar e saber perder

 

¿Que valores humanos debe ter un/a mozo/a que quere pertencer a calquera

equipo da base?

Volvendo un pouco á pregunta anterior: Respecto, compañeirismo e humildade son

normas básicas e innegociables.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

¿E no aspecto económico, hai algún tipo de cota?

O club non ten establecida cota como tal. O que si é obrigatorio, aprobado en

asemblea hai anos, é que os pais de todo neno que xogue no club, deben ser socios.

Son 120€ anuales, que é o que custa o carné familiar (2 carnés) e o que lle custaría a

calquera outra persoa que quixese ser socia.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

¿Que perfil teñen os adestradores de base do CD As Pontes? 

Os adestradores de base son ADN 100% CD As Pontes, porque todos son ex

xogadores que mamaron do club desde nenos. Ademais, todos son adestradores

titulados. Despois o director deportivo é quen dita un pouco a liña que quere que sigan

e cal é a súa idea coas distintas categorías, pero o que é o club xa o saben mellor que

ninguén. O club traballa desde categoría biberón ata xuvenil, onde Iván Rodríguez é o

responsable.

 

¿Que obxectivos ten o club nas categorías base, especialmente F11? 

Os obxectivos non poden ser outros que aprender cada día e prepararse para

competir. Creo que temos que tentar volver subir o Xuvenil a Liga Galega (da que

nunca debería haber descendido despois de máis de 30 anos), porque sería unha boa

maneira de que os xogadores xuvenís puidesen botar unha man ao primeiro equipo e

tamén promocionar, por suposto.

 

¿Que buscades nun/a xogador/a? ¿Que características e condicións debe ter?

A ver, isto pode soar moi teórico, porque os rapaces e rapazas son como son e así hai

que querelos. Pero está claro que o que queira chegar a ser algo neste deporte, a

parte de ser boa xente, ten que coidarse, ser sacrificado e sobre todo ter talento e ser

competitivo en todos os aspectos.

 

Todas as tempadas, o club achega xogadores e xogadoras ás seleccións comarcais e autonómicas de F8 e F11.

¿É difícil reter aos/as xogadores/as que máis destacan? 

Eu son dos que pensa que os rapaces/as hoxe en día xogan onde queren, por iso é

importante ascender de categoría en F11, ser un club atractivo para eles e sobre todo

tratar de que estean contentos e que se sintan a gusto co grupo.

 

É xa a túa décimo oitava tempada como coordinador deportivo do CD As Pontes.

¿Como evolucionou o club neste tempo?

O club sufriu un pouco o descenso de poboación que houbo nas Pontes, pero aínda

así nos mantivemos bastante ben no que a número de xogadores se refire. No tema

deportivo, a evolución máis grande foi a creación da figura do director deportivo de

base, quen deseña a maneira de traballar dos adestradores e está en contacto con

pais, etc. Este club ten un pasado brillante (poderíase dicir que fomos a envexa dos

clubs da zona). Non hai que esquecer que, falando da base, estivemos en liga galega

en infantil, cadete e xuvenil, chegando este último varias veces a Liga Nacional e

mesmo a División de Honra. Pero está claro que para que isto suceda nun pobo

pequeno tes que atoparte cunha xeración moi boa e competitiva.

 

¿Cales foron as túas maiores satisfaccións durante todos estes anos?

Satisfaccións moitas. Coñecer unha chea de xente deste mundo do fútbol, facer

infinidade de amigos e sentirme unha persoa recoñecida neste deporte. Pero a

satisfacción máis grande a nivel deportivo , sen dúbida foi o ascenso a División de

Honra do equipo xuvenil, sobre todo porque a esa xeración de xogadores coñecíaos

moi ben. Uns adestraraos na Magdalena e outros eran rivais no deporte escolar. O

orgullo de ir cun equipo pontés por toda España e relacionarnos coas mellores

canteiras é algo que xa ninguén me pode quitar.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

¿E os momentos máis difíciles?

Deportivamente, o descenso do equipo Xuvenil a Liga Local, polo inesperado que foi.

Estou convencido de que tiñamos equipo para manternos, pero un cúmulo de

circunstancias leváronnos ao descenso. No plano institucional, o peor momento foi en

xuño de 2016, cando durante unhas horas, o club deixou de existir. Despois de moito

batallar, o presidente díxome, con bágoas nos ollos: “Suso, chama á federación e

comunícalles que non podemos saír o ano que vén”. Afortunadamente puidemos saír

adiante e o club segue competindo, pero sen dúbida foi o momento máis duro na miña

etapa como directivo deste club.

 

Por todos é sabido que o club non pasou a súa mellor etapa durante os últimos

anos. ¿Ata que punto influíu iso no descenso de categoría do primeiro equipo?

Como dixen antes, por uns momentos o club non existía. E tardaron en arranxarse as

cousas, porque para poder cobrar a subvención, o presidente tivo que avalar co seu

patrimonio persoal. Estou seguro de que somos a única entidade deportiva á que se lle

esixiu isto neste concello. Hoxe existimos grazas a isto e ao esforzo do grupo político

que goberna no concello, que sempre estivo connosco facendo o imposible para evitar

a desaparición dun club con máis de sesenta anos de historia e polo que eu

persoalmente, a xunta directiva e todo aquel a o que lle guste este deporte,

deberemoslle gratitude para sempre. Para cando puidemos empezar a falar cos

xogadores, a maioría xa estaban comprometidos noutros equipos, cousa lóxica por

outra banda. E cando puidemos empezar a conformar un equipo, o resto de equipos xa

estaban feitos e coas limitacións económicas que tiñamos, fixemos o que puidemos

sendo concientes das dificultades que iamos pasar. De todos os xeitos, o que de

verdade nos preocupaba nese momento era a non desaparición do club. Todo por

unha denuncia para facer dano polítiticamente ao alcalde. Porque quero pensar que o

obxectivo final desta xente non era a desaparición do club, o que me leva á reflexion

de que non todo debe valer en política. Desexo de corazón que nunca sufran o mesmo

que nós sufrimos. Afortunadamente, púidose reconducir todo isto e agora mesmo creo que

estamos en situación de poder pelexar por volver á terceira división e mesmo o

ascenso do equipo xuvenil. Aínda así, habería que mirar como se pode recuperar a

subvención do ano 2014, que o club non chegou a percibir como consecuencia da

denuncia e esa débeda esta aí.

 

¿Como afrontou o club este descenso? Cales son os obxectivos deportivos para

esta tempada no primeiro equipo?

O descenso afrontámolo con serenidade, porque para nós non era o máis importante,

se non que nos centramos en mirar polo futuro do club.

 

¿Por que tanto tempo dedicado ao fútbol base? 

Porque de momento sigo tendo a mesma ilusión cada principio de tempada de

empezar un novo proxecto e porque estou rodeado de boa xente que me fai sentir a

gusto.

 

¿A quen botas de menos no club? 

A todos cos que compartín estes anos. A vida continúa e o club con ela, así que non

hai moito tempo para mirar atrás. Quizais Lolo, porque compartimos moitas horas,

sempre foi unha persoa moi cercana para min e dábame a confianza de falar calquera

tema antes de tomar unha decisión. Ademais, o seu labor estes últimos anos co

mantemento dos campos é insubstituíble.

 

¿Que mensaxe trasladarías á afección? 

Á afección diríalle, co corazón na man, que nos perdoen polos erros que podamos

cometer. Nós facemos todo con boa vontade e o mellor que sabemos. Que o CD As

Pontes representa a este pobo, polo que todos deberiamos sentilo como algo noso, de

todos, por encima de quen sexan os directivos. As persoas pasamos, pero o club ten

que seguir adiante. Os nosos nenos teñen dereito a que alguén lles poña os medios

para poder seguir practicando este deporte. Debémosllo.

 

Para rematar: Pide tres desexos para esta tempada. 

Só desexo que o club poida estabilizarse economicamente, que é o verdadeiramente

importante. Se iso vai ben, o resto é sinxelo. Por pedir, pediría o ascenso do primeiro

equipo a Terceira División, así como calquera ascenso de calquera categoría da base,

por suposto. E como desexo máis importante, encantaríame volver ver o campo do

Poboado como o vía hai uns anos coas bancadas cheas coa nosa xente apoiando e

gozando cada fin de semana.

 

Moitas gracias polo teu tempo Suso. Foi un pracer pasar este intre contigo e

coñecer un pouco máis en profundidade ao club e sobre todo a ti.

 

Grazas a ti. Encantado de falar contigo e de que a xente me coñeza un pouco máis.

Entrevista realizada por Julio Montero