FINAL COPA XUVENIL. EUME DEPORTIVO 1 (3) – CD AS PONTES 1 (4)

FINAL COPA XUVENIL. EUME DEPORTIVO 1 (3) – CD AS PONTES 1 (4)

O equipo pontés consigue a Copa nos penaltis ante un gran Eume

O xuvenil pontés puxo fin na tarde deste sábado na Gándara a 31 anos sen gañar a Copa de Ferrol, dende aquel 1987 en que se gañou 2-1 ó Meirás. O clube estivo 29 campañas en categorías superiores, pero xa tocaba volvela a gañar.

Supón o título número 71 da canteira pontesa a nivel comarcal, con esta segunda Copa de Ferrol, ademáis de 6 Ligas e 2 Copas Afaco, en categoría xuvenil. Tamén 5 ligas e 5 Copas en categoría Cadete, outras 9 Ligas e 9 Copas, ademais de 4 Copas Afaco, en categoría infantil, 12 Ligas e 11 Copas en Alevín, 2 Ligas Benxamíns, 2 Ligas Prebenxamíns, e o feminino suma 1 Liga e 1 Copa Afaco.

Si ben o encontro definitivo, como se agardaba, foi moi moi complicado, e estivo costa arriba por moitos momentos. Non en van, xogábase co Campión de Liga, o Eume Deportivo, que xa gañara ós azuis por 3-1 e 3-4 na competición ligueira.

Nun primeiro tempo de maior dominio de balón do Eume, a primeira ocasión chegaba cun remate de Piñeiro, que se marcha preto do escuadro (4´), ó que respostou Óscar, con unha internada por banda dereita, pero o seu pase cara a área pasease sen atopar rematador (6´). Adiantáronse os hoxe amárelos, tras un centro dende banda esquerda, que remata de cabeza libre de marca Raúl ó fondo das mallas (24´).

Tras outra internada de Jericó, en que Lino esvara e remata por alto Penedo (31´), e con unha ocasión de Óscar que lle cae un balón morto dentro da área que non agarda, e remata desviado, chegouse ao descanso (40´).

No segundo período o xogo voltouse máis alterno, pero as mellores ocasións foron dos amarelos. Penedo vaise por banda de Breijo, centra, non despexa ninguén, e Jericó remata a rentes do pau (56´). Tamén disparou moi axustado ó poste Piñeiro tras saque de falta (58´).

Si ben Dani quedou só ante o porteiro pero Kevin chega ó balón un palmo antes que o xogador pontés (59´), noutra ocasión dentro da área controla Filgueiras, e o seu remate frouxo chapao Lino (62´).

Co paso dos minutos o As Pontes foi cara arriba arriscando con todo, e tivo que saír Lino fóra da área, perdeu o balón, e despexou un defensa baixo paus (78´). Os azuis buscaban continuamente a área rival, pero non conseguían chegar con claridade, e apenas remataban a portería.

Pero cando todo parecía perdido, nunha contra sírvelle un gran balón Óscar a Cristian, recén saído, que encara á portería e marca de forte disparo (83´). Isto espoleou ós azuis, xa que Vilela fai un gran disparo e despexa Kevin a córner (86´), ou noutra das múltiples internadas de Óscar o seu centro non atopa rematador (90´).

Pero foi o Eume o que puido gañar no último minuto. Nun balón que non consigue despexar Pablo e acaba en córner, tralo saque de esquina o balón pasease pola área pontesa ata que chega ós pes de Paulino, que remata e o balón vai ó poste (93´).

Así acabou o encontro e tívose que acudir ós penaltis, non exento de polémica, xa que o primeiro intento de Peque desviouno Kevin acabando o balón no poste, pero o colexiado entendeu que se moveu o porteiro antes de lanzalo e houbo que repetilo, introducíndoo nesta segunda ocasión polo escuadro.

Polo As Pontes marcaron Josiño, Vilela e Peque, e tamén os tres primeiros lanzadores do Eume. Logo Dani mandou o balón ó longueiro, e outra vez, cando todo estaba costa arriba, Lino parou o cuarto lanzamento dos de Pontedeume, de Paulino. Breijo marcou o quinto, e a presión puidolle a Penedo no derradeiro lanzamento e enviou o balón por alto.

O As Pontes pon fin a unha magnífica campaña na que queda co ascenso á Liga Galega, a Copa de Ferrol e o subcampionato de Liga. Xogaron Lino, Carlos (Fraga 76´), David, Pablo, Breijo, Vilela, Óscar, Chema (Cristian 76´), Peque, Josiño, e Andrés (Dani 45´).

Poñen fin á súa estadía nas categorías inferiores do clube Lino, Andrés e Josiño, coa Liga Prebenxamín 2007, a Liga Alevín 2011, a Copa de Ferrol e Copa Afaco Infantil do 2013, a Copa Afaco Xuvenil 2017, e o ascenso e Copa en apenas sete días.

COPA DE FERROL 2017-18
GRUPO A

1º CD AS PONTES – 30
2º CULTURAL MANIÑOS – 24
3º CD Narón A – 22
4º CCRD Perlío – 16
5º Rápido de Neda – 15
6º Meirás CF – 14
7º SRD Portuarios B – 13
8º SDC Galicia de Mugardos – 13
9º Cedeira SD – 6
10º CF San Sadurniño – 4
11º FC Ortigueira – 4

GRUPO B

1º EUME DEPORTIVO – 24
2º SRD PORTUARIOS – 21
3º Racing San Pedro A – 20
4º Galicia de Caranza B – 17
5º Numancia de Ares CF – 16
6º CD Cariño – 9
7º EFB Amistade de Meirás – 7
8º CD Narón B – 6
9º AD Miño – 6
10º SDCR Narón O Freixo – 3

SEMIFINAIS

Cultural Maniños 0 – Eume Deportivo 3
EUME DEPORTIVO 4 – Cultural Maniños 1
SRD Portuarios 0 – As Pontes 1
AS PONTES 2 – SRD Portuarios 0

FINAL
Eume Deportivo 1 (3) – AS PONTES 1 (4)

Nova cortesía de Xose Ferreiro

próximo Publicación

Atrás Publicación

© 2018 Club Deportivo As Pontes

Tema de Anders Norén