O Club recupera o primeiro nome

Ano 2002.  O Club recupera o primeiro nome e nova crise

Logo desta histórica etapa, a entidade pontesa pasa por outra crise deportiva e económica, en gran maneira motivada pola considerable diminución do apoio económico do seu principal patrocinador (Endesa). O equipo descende á Rexional Preferente, categoría na que permaneceu oito temporadas seguidas, aínda que o seu sitio natural é a Terceira División, categoría á que volveu precisamente no ano do seu cincuentenario de ingreso na Federación Galega de Fútbol. Xaime Castro Paz preside a directiva do Club dende maio de 2005.

É nesta época cando no ano 2002 recupera o seu primeiro nome, Club Deportivo As Pontes, aprobado por unanimidade na asemblea extraordinaria celebrada o 9 de xuño do mencionado ano, e na que tamén se acordou o cambio de domicilio social, pasando da empresa ás oficinas do Club situadas no propio campo do Poboado.

Un As Pontes que, por outra banda é unha clara referencia en canto á labor de canteira, pois dende hai case trinta anos a entidade promove o fútbol base e na actualidade, ademais do primeiro equipo, conta con doce conxuntos, nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil (que chegou a participar na División de Honra)  e feminino (creado en 2008), con preto de douscentos xogadores e xogadoras que ó longo das últimas tres décadas lograron numerosos títulos de liga e copa.

Xa como Club Deportivo As Pontes a entidade pontesa logra dúas edicións do trofeo “Vila das Pontes” (2006 e 2008), a décimo novena edición do “Trofeo Pérez Ponce 2003” de Cedeira, o trofeo “San Ramón” de Vilalba de 2008 e o trofeo “Cidade de Viveiro” de 2009.

Foi finalista da Copa Deputación de 2007 fronte ó Racing de Ferrol en partido disputado no estadio da Malata o 19 de agosto e que rematou coa vitoria mínima do conxunto ferrolán por 3-2,  marcando o Rácing de Ferrol o tanto da vitoria no minuto 90 do encontro. O equipo das Pontes plantou cara a un Racing de Segunda División B e mereceu incluso alzarse co trofeo. Polo As Pontes xogaron Marcos (Javi, m. 46),  Ferreiro (Troncho, m. 51), Manel, Alberto, Rivas, Dani, Canosa (Rebolo, m. 83), Rubén, Grueiro, Suso e Pedro. Polo As Pontes marcaron Pedro (m. 5) e Dani (m. 77) e polo Racing de Ferrol, Lamatina (m. 9), Jonathan Martín (m. 69) e Javi Rodríguez (m. 90).

Os socios e as asembleas

Cando o club se federou en 1960, poucas actividades de lecer había na vila. As festas e o cine (Alovi e Hispania) nas fins de semana era a única oferta cultural e de ocio que había. A televisión chegou a algúns locais a principios dos sesenta, polo que a federación do club  supuxo un revulsivo nos veciños tendo un motivo para acudir ó campo as tardes dos domingos, o mesmo que antes ó vello Campo da Feira, pero agora xa era para presenciar partidos de competición oficial. Isto fixo que en tan só dous anos o Club tivese 750 socios, que pagaban dez pesetas ó mes os homes e cinco as mulleres, mentres que os nenos entraban gratis.

Co paso dos anos o número de socios foise incrementado ata superar o milleiro cando o equipo militaba na Terceira División e a cota subiu a 25 pesetas mensuais. Na década dos anos setenta, co primeiro equipo en plena crise, o número de asociados baixou ata os seiscentos para volver a subir ó retornar de novo á Terceira División e despois ascender á Segunda División B.

As cotas foron subindo co paso dos anos e adaptándose ás categorías nas que competía o primeiro equipo. Na temporada 1982/83 os socios pagaban 300 pesetas ó mes os homes e 50 as mulleres. En 1984 pasaron a 400 e 100 pesetas, respectivamente, creándose as categorías de xubilados (200 pesetas), socio protector (500 pesetas) e os mozos de 16 a 18 anos, cincuenta pesetas mensuais. No ano 1985 a cota aprobada en asemblea foi de 5.000 pesetas para o socio normal, establecéndose a de 5.000 para o protector.

En Segunda División B o Club contaba con cerca de 1.300 asociados e a cota incrementouse notablemente. Os denominados numerarios pagaban 14.000 pesetas ó ano, os protectores 16.000 e as mulleres 4.500 pesetas. Estas cantidades practicamente son as mesmas que hai na actualidade, aínda que na asemblea do 14 de outubro de 2010 acordouse suprimir a modalidade de socio protector pasando a unha única de socio numerario cunha cota de 90 euros ó ano e creándose a de segundo socio familiar, cunha cota de 30 euros anuais, e a de 50 euros para xubilados e parados. Na presente temporada de 2010/11 o Club conta con cerca de 750 socios.

As primeiras directivas sempre foron nomeadas pola empresa e nunca os socios tiveron oportunidade de tomar decisións e elixir a súa directiva. A primeira asemblea, que incluso foi solicitada por máis de trescentos socios (había naquela data un pouco máis de seiscentos), tivo lugar o 8 de febreiro de 1981 e a segunda ó remate da temporada 1980/81, o 17 de xullo de 1981. Unha temporada na que se logrou o ascenso á Rexional Preferente e no aspecto económico cun superávit de 14.000 pesetas. Nesa mesma asemblea acordouse o aumento de cotas, pasando de 100 a 200 pesetas para os homes e manténdose as 50 pesetas para as mulleres. Tamén se elixiu nova directiva con Ricardo Barredo González como presidente.

Isto supuxo o inicio dunha etapa con máis entendemento entre os directivos e os socios da entidade pontesa. Anualmente foron celebrándose asembleas ordinarias ou extraordinarias nas que os propios asociados aprobaban os presupostos, elixían directivas ou ben tomaban outras decisións importantes para o Club, como a de cambio de nome da entidade, recuperar a antiga vestimenta dos anos oitenta, homenaxes, etc. Todas tiveron lugar no local social do Lar de Endesa, agás algunha que foi na Casa Dopeso.

Máis de setenta e cinco anos de historia

En resume, case oito décadas de fútbol nas Pontes, con épocas gloriosas e épocas case no esquecemento, con alegres vitorias e amargas derrotas, preto de 2.500 partidos disputados, varios títulos de liga e copa e numerosos trofeos son o haber deste histórico Club, que na temporada do seu cincuentenario regresou á categoría nacional, a Terceira División, onde milita na actualidade.

Poucos clubs contan con tan brillante historial, con nove temporadas na Segunda División B (nunha disputou a promoción de ascenso á Segunda A), doce na Terceira División (con dous títulos de liga e outros dous subcampionatos), 22 na Preferente Autonómica (dous títulos de liga e dous subcampionatos), tres en Primeira e catro en Segunda Rexional (un título de liga e un subcampionato), unha copa de Galicia, a de 1968. Un Club Deportivo As Pontes que é un dos históricos do fútbol galego e un dos 1.450 clubs españois que militaron nalgunha ocasión en categoría nacional. Un Club Deportivo As Pontes que, con máis de setenta e cinco anos de vida,  está no grupo selecto dos clubs privilexiados da historia do fútbol.

© Antón Ferreiro

© Xosé Antón Ferreiro

próximo Publicación

Atrás Publicación

© 2018 Club Deportivo As Pontes

Tema de Anders Norén