O Endesa toma o relevo do Calvo Sotelo

1973 O Endesa toma o relevo do Calvo Sotelo

O 12 de xullo de 1973 o Club solicita á federación galega de fútbol o cambio de nome pasando a denominarse Club Deportivo Endesa, nome ó que se lle engadiría o da vila ó ser aprobado na asemblea extraordinaria celebrada o 15 de decembro de 1981, debido á boa predisposición do Concello das Pontes que incrementaba substancialmente a axuda de 20.000 pesetas a 200.000. Nesta asemblea tamén se aprobaron os novos Estatutos do Club de acordo coa nova normativa da Federación Española de Fútbol.

O Club mantivo a mesma vestimenta, totalmente azul, aínda que en 1983 o calzón pasou a ser branco, cores que continúan na actualidade, tras unhas temporadas (de 2002/03 a 2006/07) con camiseta vermella e calzón azul mariño, cambio que non agradou ós socios.

O período de transición de Calvo Sotelo a Endesa dos anos setenta fixeron entrar ó Club nunha crise, tanto deportiva como económica, co primeiro equipo militando nas categorías baixas do fútbol galego (segunda, primeira e preferente rexional). A década dos oitenta supón un novo rexurdimento da entidade pontesa tanto no aspecto deportivo como na súa economía. Ano tras ano o número de socios aumenta.

Lucio Rubio de Antonio (1973/74), Juan Manuel Cabal García (1975/76 e 1976/77), José Luis Soto Soria (1977/78 a 1979/80)  e Ricardo Barredo González (1980/81 a 1984/85) foron os presidentes da primeira época endesista. Precisamente con Ricardo Barredo como presidente e despois de dezaseis temporadas o Club retorna á Terceira División, comezando así a súa época dourada.

En 1982 rematan as obras da tribuna de preferencia e amplíanse as instalacións con varios terreos de xogo, polos que tanto loitou Fermin Gil Alonso nada máis entrar na directiva como vicepresidente na temporada 1983/84. Incluso, cando ocupaba a presidencia, tiña un ambicioso proxecto de construción dunha nova tribuna substituíndo a vella de 1964, que ó final non saíu adiante.

 

Temporada 1985/86.  Promoción de ascenso a Segunda B

Fermin Gil Alonso colle o equipo en Terceira División na temporada 1984/85 e á seguinte lévao a disputar a promoción de ascenso á Segunda División B ó quedar subcampión de liga tras o Lugo. Na primeira rolda elimina a todo un histórico do fútbol español, a Cultural Leonesa.

O campo do Poboado rexistrou a maior entrada da súa historia, con máis de 3.000 espectadores, uns mil vidos de León. Incluso houbo que instalar gradas supletorias. O resultado final foi de empate a un gol, tantos marcados na primeira parte por Nando, para o Endesa, e Criado, para a Cultural. No encontro de volta disputado o un de xuño de 1986 no vello Antonio Amilivia de León, con 4.000 espectadores nas gradas (uns cen das Pontes), o resultado final tamén foi de empate (0-0). Na quenda de penaltis o Endesa As Pontes superou á Cultural por 4-2. Marcaron Pereira, Nando, Rojo e Fernández mentres que o lanzamento de Picos foi despexado polo porteiro leonés. O Endesa As Pontes aliñou neste partido a Javier, Pereira, Quique, Juanma (Picos, m. 29), Andrés, Fernández, Balles, Falo, Castro (Aneiros, m. 54), Nando e Rojo.

 

A eliminatoria co Almería

Na seguinte eliminatoria o rival sería o Almería. O primeiro partido dispútase no Poboado o 8 de xuño (cerca de 3.000 espectadores) e o Endesa As Pontes vence pola mínima ó conxunto almeriense con gol de Rojo despois dun maxistral centro de Castro. O Almería é descualificado por aliñación indebida, polo que o Endesa As Pontes ascende á Segunda División B. Esta alegría dura unha semana, porque a partir de aquí comeza unha auténtica odisea para o conxunto pontés.

Presenta recurso o club almeriense é o Comité de Apelación, aínda recoñecendo a “mala fe” non aprecia aliñación indebida, polo que obriga a xogar o partido de volta en campo almeriense o sábado 21 de xuño de 1986 segundo resolución que asina con data do día 16, catro días antes do partido e co plantel do Endesa As Pontes de vacacións.

O Endesa As Pontes recorre a resolución o día 18 de xuño reafirmándose no seu primeiro recurso e solicitando o aprazamento do partido ante a imposibilidade material de organizar a viaxe, dada a longa distancia, e amparándose na Orde Ministerial do 18 de xullo de 1985. O  Comité Superior de Disciplina Deportiva acepta o recurso, pero tamén obrígao a xogar o partido e manifesta a súa intención de dar a resolución definitiva ó contencioso o 24 de xuño unha vez celebrado o encontro.

Aínda que tendo a razón da súa parte, dada a evidencia dos feitos, que non eran os primeiros que cometía deliberadamente o Polideportivo Almería (no seu recurso o club almeriense chegou a afirmar que non fora aliñación indebida, se non un erro formal imputable ó seu propio delegado por cambiar “por error” o nome a cinco xogadores), tanto na liga coma na eliminatoria anterior contra o Caudal de Mieres, o club Endesa As Pontes viaxa á cidade andaluza ante posibles sancións máis graves por parte da federación española, un cuestionado organismo que neste caso tivo presións de estamentos extradeportivos,.

O Endesa As Pontes viaxou durante toda a noite para chegar á media mañá do mesmo sábado e disputar o partido ás seis da tarde. O cabreo era lóxico e o cansazo tamén.  A encerrona estaba preparada, o ambiente era tenso. A Televisión de Galicia tivo problemas para gravar imaxes do partido, incluso as cintas da gravación saíron do estadio almeriense nas bolsas dos propios xogadores ponteses temendo que fosen requisadas.

Pese a unha calamitosa actuación arbitral (Barrueco Moreno, do colexio catalán, pero ascendencia andaluza) con dous expulsados e trece tarxetas amarelas recibidas, o Endesa As Pontes soubo manter o tipo e ó remate dos noventa minutos a eliminatoria estaba igualada, polo que se xoga unha prórroga na que o Almería logra o segundo gol e momentaneamente o ascenso de categoría, posto que había que esperar á resolución do CSDD.

Resolución do Comité Superior de Disciplina Deportiva

Esta non foi o día 24 de xuño como decidira nun principio, se non un mes máis tarde tratando de que o asunto se esquecera, concretamente  o 21 de xullo con data de saída do organismo federativo de 1 de agosto e número de Expediente  88/86.

No mesmo o CSDD acorda desestimar parcialmente o recurso presentado polo club Endesa As Pontes, sen prexuízo da apertura do correspondente expediente para examinar a conduta do colexiado do partido (Jiménez Maíz, de Castellón) celebrado nas Pontes e afirmando que tiña que haberse imposto ó delegado do Almería (Roldán Castillo) a pena máxima (un ano de sanción) polas “irregularidades” deliberadamente cometidas neste partido e, como tamén quedou demostrado, noutros encontros da temporada, o que vai en contra do espírito deportivo “que el actual Reglamento sólo se imputa bajo fórmulas genéricas a personas físicas y no a quien realmente se benefician de las irregularidades en que dichas infracciones consisten, es decir, los Clubs”. Tamén reiteraba á RFEF a perentoria necesidade de proceder á readaptación do regulamento disciplinario conforme estipulaba o Real Decreto 642/1984.

No Club Endesa As Pontes pensouse nun principio na idea de presentar recurso contencioso-administrativo perante a Audiencia Nacional. Pero, despois de deliberalo moito e, ante presións deportivas e tamén extradeportivas, desestimouse e aí quedou a cousa. O Almería en Segunda B e o Endesa As Pontes un ano máis na Terceira División, porque á temporada seguinte, como campión de liga, logrou o ascenso que lle foi negado nos despachos un ano antes. Moitos preguntaranse que pasaría se isto lle sucedera ó Real Madrid ou ó Barcelona. De seguro que se armaría unha auténtica historia rocambolesca.

Temporada 1986/87.  O ascenso á Segunda División B

Sen embargo, o Endesa As Pontes tivo a súa recompensa á temporada seguinte, na que logra con todo merecemento o primeiro título de liga de Terceira División e o ascenso automático á Segunda División B por primeira vez na súa historia. Aquí comeza a etapa dourada do club pontés con nove temporadas na categoría de bronce do fútbol español en dúas etapas de seis e tres temporadas consecutivas, incluso nunha delas, 1991/92, chegou a disputar o ascenso á Segunda División A, con máis ilusión e orgullo que co obxectivo de ascender, perante clubs de recoñecido prestixio como o Manlleu, Atlético Marbella (de Jesús Gil) e Yeclano.

Estes foron os anos da presidencia de Tino Parajón, en tres períodos distintos de catro anos cada un. Xosé Manuel Da Silva preside a xunta xestora de 1992/93 e logo catro temporadas consecutivas (de 1996 a 2000).

Na temporada 1994/95 logra o segundo título de liga de Terceira División e ascende de novo á Segunda B no memorable partido do Helmántico da histórica e bonita cidade de Salamanca diante do CD Salmantino, encontro que rematou con vitoria pontesa por 1-3 ante máis de medio milleiro de espectadores, dos que preto de cen eran afeccionados ponteses que viaxaron a terras charras para presenciar en directo o ascenso do seu equipo.

Xogadores de renome e calidade pasaron por este Endesa As Pontes, que, como se sinalou antes, marcou toda unha época na historia do fútbol pontés. Os Nando, Quique, Alfonso, Ramiro, Bandín, Ramón, Pradera, Alfredo, Quico, Salido, Rebolo, Carou e unha longa lista fixeron que os afeccionados ponteses gozaran do fútbol durante máis dunha década. O campo do Poboado enchíase de afeccionados -en ocasións dous ou tres mil espectadores- para ver a clubs históricos, como o Salamanca, Real Madrid Castilla, U.D. Las Palmas,  Sporting de Gijón, Celta de Vigo, Cultural Leonesa, Almería, Ponferradina, Deportivo da Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol e outros equipos de toda a xeografía española.

© Antón Ferreiro

© Xosé Antón Ferreiro