Os inicios do fútbol nas Pontes

Club Deportivo Puentes 1933

No 1933 nace o Club Deportivo Puentes

Xan M. Fraga Rodríguez comezaba a súa historia sobre os 75 anos do Bergantiños F.C., publicada en 1998 dicindo que no noso país non abundan sociedades deportivas con máis de setenta e cinco anos de historia, dado o difíciles e complexos que foron os avatares do século XX, con dúas guerras mundiais, desaparición e nacemento de novos países, unha cruenta guerra civil e dúas ditaduras en España para chegar á actual democracia, xa que a historia dos clubs vai moi ligada ás circunstancias sociais e políticas dun país e dunha localidade, como lle sucedeu ó Bergantiños e tamén ó As Pontes e outros clubs históricos galegos.

Hai preto de oitenta anos que o fútbol existe nas Pontes, aínda que tiveron que pasar case tres décadas para que participase por primeira vez en competicións de carácter oficial. Podemos dicir que o Club pontés, hoxe co nome de Club Deportivo As Pontes, está entre os privilexiados do fútbol galego e incluso español coas vodas de diamante xa cumpridas e a coas de ouro en competición oficial na temporada 2010/11. Outros clubs fundáronse antes, pero en desapareceron algúns anos volvendo a fundarse novamente. No caso do Club de As Pontes soamente a guerra civil fixo que durante uns anos non puidese participar en partidos amigables.

Facendo un repaso á súa historia, indubidablemente teño que referirme primeiramente ós seus inicios alá polos primeiros anos da década dos trinta do século pasado, onde se atopan as primeiras referencias do fútbol pontés.

Non hai documento escrito da fundación do primeiro club na nosa vila. Por fotografías e a transmisión oral sábese que foi alá polo verán de 1933 cando, por iniciativa do señor Rebollar,  constituíuse o primeiro equipo de fútbol na vila pontesa que foi bautizado como Club Deportivo Puentes, nome castelanizado, posto que a nosa lingua non era recoñecida oficialmente e incluso estaba prohibido falala publicamente.

Francisco Penabad Dopico, naquel entón director da Caixa de Aforros, foi o primeiro presidente deste histórico club que se mantivo ata comezos da guerra civil, en xullo de 1936.

O seu primeiro equipo estivo formado por Perucho, Basanta, Nazario, Rafael, Ruso, Pernas, Tocayo, Pepe de Soto, Luis Cabarcos, Juan Rey e Pancho Bellas, ós que podemos considerar como os pioneiros do fútbol pontés.

Durante a guerra civil e os seguintes anos ninguén se acordou do fútbol nas Pontes. Moitos dos seus fundadores morreron nesta fratricida contenda bélica, como Perucho, Luis Cabarcos, Pernas e Pepe de Soto. Unha guerra que marcou o futuro e as ilusións de todo un pobo ó longo de catro décadas e, por outra banda, había que preocuparse doutras cousas máis necesarias, pois foi unha época de moitas penurias e fame.

Nos primeiros anos corenta un grupo de mozos animáronse a xogar creando o Juvenil Puentes, cunha vestimenta de cor branca. En 1944, con Guillermo Gastiosoro Iglesias (oficial administrativo no concello das Pontes) como presidente, aparecen xogadores como os Yllade, Rivera, Bellas, Cabarcos e outros. En 1947, tras un incidente en Vilalba con motivo dun encontro ante o  Racing Vilalbés, motivado por un penalti e a fractura dunha perna de Toño Cabarcos, o equipo non disputa máis partidos ata o verán de 1948, ano no que chegan a As Pontes traballadores de distintas partes de España e incluso dalgúns países centroeuropeos para o complexo industrial da empresa Calvo Sotelo recentemente construído na localidade.

Cesáreo González Dopeso, médico da localidade e alcalde de As Pontes de 1955 a 1960, pasa a presidir o Club ata 1952, sucedéndolle Manuel Tojeiro Díaz, que foi o derradeiro presidente ata que en 1959 pasou a chamarse Calvo Sotelo ingresando en setembro de 1960 na federación de fútbol para participar por primeira vez en competición oficial.

Na década dos anos cincuenta destacaban Pico, Chucho, Parada, irmáns Cayetano, Penaro, Arias, Alvariño, Yebra, Jerónimo (coñecido por Yarita), Maltrana, Sito, Fresco, Galiana, Cao, Liló e outros.

Sen lugar a dúbida, foron os anos do verdadeiro fútbol afeccionado, pois xogábase con ilusión e paixón. Ninguén cobraba unha peseta, incluso os xogadores pagaban a viaxe, algunhas veces facíano nunha camioneta, e, cando a distancia era curta, ían en bicicleta. Ter unhas botas era case un luxo e en moitos partidos xogaban con zapatillas. Ter unha vestimenta de equipo era tamén un privilexio.

Nun principio a vestimenta do Puentes era unha camiseta a franxas azuis e granate e calzón azul, despois camisa vermella cunha franxa central branca e calzón branco. Cando se denominaba Juvenil Puentes, equipo constituído a principios dos anos corenta,  era totalmente branca e o seu escudo representaba un balón  sobre a cruz de Santiago.

O seu terreo de xogo era o vello Campo da Feira, lugar que hoxe ocupa a casa do concello e o parque municipal do mesmo nome, onde antano tamén se celebraban as verbenas das festas patronais e as feiras do gando. Non había vestiarios, polo que os xogadores vestíanse na casa da señora Fermina, antiga taberna e hoxe un edificio de tres plantas, situada no número 22 da avenida de Ortigueira.

Antonio Cabarcos, de Comercial Ferpu, comentoume unha curiosa anécdota de Chucho de Xuvia, xogador do Puentes e despois directivo do Calvo Sotelo e Endesa falecido hai uns anos, na que unha vez que se poñía a vestimenta para xogar saía da casa da señora Fermina coas patas para arriba camiñando coas mans ata o campo.

En toda a súa historia o Club Deportivo Puentes xogou aproximadamente uns douscentos partidos de carácter amigable contra equipos de localidades veciñas, principalmente na primavera e verán, xa que o Club nunca participou en competicións oficiais ó non estar federado. Os seus rivais eran equipos de vilas próximas, como o Racing Vilalbés, Viveiro, Galiano de Ferrol, Tirso de Ferrol, Juventud de Hierro de Ortigueira, Furia de Cuíña, Mezquita de San Claudio, Ártabro de Ares, Xubia, Ximnástica Lucense, Iberia de Reinante, Arena de Cedeira, etc.

Lamentablemente, a falta dun arquivo e á escasa información que naquela época saía na prensa, de poucos datos dispoñemos do club, tanto de acontecementos, como de directivas, partidos, resultados e aliñacións. Tan só están reflictidos neste libro os que foron facilitados polos propios protagonistas e os recollidos nos xornais La Voz de Galicia, El Progreso de Lugo e La Voz de Ortigueira, así como os que aparecen nas fotos daquela época, aportadas polos propios xogadores.

Entre os trinta e oito encontros recollidos, dos que o Puentes gañou vinte, empatou sete e perdeu once, hai que salientar as goleadas á Gimnástica Lucense, o primeiro equipo de Lugo ata a fundación do actual Club Deportivo Lugo chegando a participar tres temporadas na Segunda División (de 1949/50 a 1951/52) . O partido disputouse no campo dos “Miñones” da cidade amurallada e os ponteses gañaron por un claro 0-5, con goles de Salazar, Galiana, Nené e dous de Maltrana. Tamén hai que mencionar o seis a cero ó Espasante en partido xogado no vello Campo da Feira das Pontes o 13 de maio de 1951; a goleada (10-0) ó Furia de Cuíña o 27 de marzo de 1949 en partido tamén xogado no campo pontés.

Pero, sen lugar a dúbida, o resultado que pasou á historia do Club Deportivo Puentes foi aquela goleada ó Viveiro no seu propio campo de Cantarrana, despois de que o anterior domingo os viveirenses gañaran en As Pontes por 1-3. Era agosto de 1951 (non hai constancia do día) e a aliñación presentada polos ponteses, que estiveron reforzados con xogadores de Ferrol, foi a formada por Bouza, Nistal, Alvariño, Lesta, Suso Cayetano, Chucho, Rivera “O Mudo”, Manolo Cayetano, Abelardo, Ricoy, Tito e Jerónimo. Neste histórico partido os ponteses gañaron por un claro e contundente ¡¡ 1-13 !!, a maior goleada do equipo pontés en campo contrario en toda a súa historia, incluídos os da súa etapa en competición oficial.

PARTIDOS RECOLLIDOS DO CLUB DEPORTIVO PUENTES

 

DATA

LOCALIDADE

PARTIDO

R

1947

As Pontes C.D. PUENTES JUVENTUD DE HIERRO

2

4

1947

Ortigueira JUVENTUD DE HIERRO C.D. PUENTES

1

0

04/07/1948

Cuíña-Ortigueira FURIA F.C. C.D. PUENTES

2

2

27/03/1949

As Pontes C.D. PUENTES FURIA F.C. 

10

0

29/05/1949

Cuíña-Ortigueira FURIA F.C. C.D. PUENTES

7

3

08/10/1950

Campo Hospital C.D. MEZQUITA C.D. PUENTES

3

0

29/04/1951

San Claudio C.D. MEZQUITA C.D. JUVENIL PUENTES

2

2

13/05/1951

As Pontes C.D. JUVENIL PUENTES C.D. ESPASANTE

6

0

13/06/1951

Espasante C.D. ESPASANTE C.D. JUVENIL PUENTES

3

3

29/07/1951

Ortigueira C.D. CARIÑO C.D. PUENTES

2

5

05/08/1951

As Pontes C.D. PUENTES JUVENTUD DE HIERRO

4

0

??-08-1951

As Pontes C.D. PUENTES VIVEIRO C.F.

1

3

??-08-1951

Viveiro VIVEIRO C.F. C.D. PUENTES

1

13

18-05-1952

Ares ARTABRO C.F. C.D. PUENTES

2

2

1952

As Pontes C.D. PUENTES ARTABRO C.F.

1

1

1952

Ortigueira JUVENTUD DE HIERRO C.D. PUENTES

4

3

1952

As Pontes C.D. PUENTES JUVENTUD DE HIERRO

4

0

1952

As Pontes C.D. PUENTES ARENA F.C.

2

1

1952

Cedeira ARENA F.C. C.D. PUENTES

2

3

1952

As Pontes C.D. PUENTES GALIANO S.D.

1

0

1952

Cariño C.D. CARIÑO C.D. PUENTES

2

6

??-08-1956

As Pontes C.D. JUVENIL PUENTES TIRSO F.C.

5

2

14/07/1957

San Claudio (Ortigueira) C.D. MEZQUITA C.D. PUENTES

2

0

04/08/1957

As Pontes C.D. PUENTES C.D. MEZQUITA

3

1

13/07/1958

As Pontes C.D. PUENTES JUVENTUD DE HIERRO

2

2

27/07/1958

Ortigueira JUVENTUD DE HIERRO C.D. PUENTES

3

1

10/08/1958

Cuíña-Ortigueira FURIA F.C. C.D. PUENTES

0

5

07/09/1958

Cuíña-Ortigueira FURIA F.C. C.D. PUENTES

1

5

03/05/1959

Lugo GIMNÁSTICA LUCENSE C.D. PUENTES

0

5

28/06/1959

As Pontes C.D. PUENTES C.D. FOZ

4

1

16/08/1959

As Pontes C.D. PUENTES SAN MIGUEL REINANTE

2

0

08/09/1959

As Pontes C.D. PUENTES MONDOÑEDO C.F.

0

0

08/11/1959

As Pontes C.D. PUENTES C.D. BARQUERA

4

0

1959

As Pontes C.D. PUENTES ARTABRO C.F.

7

3

1959

Reinante (Lugo) IBERIA C.F. C.D. PUENTES

2

2

1959

Ares ARTABRO C.F. C.D. PUENTES

2

2

Descoñecida

As Pontes C.D. PUENTES U.S.D. JUBIA

2

2

Descoñecida

Ares ARTABRO C.F. C.D. PUENTES

3

7

© Antón Ferreiro

© Xosé Antón Ferreiro