Os trofeos da etapa Endesista

Os trofeos da etapa endesista

Moitos son os trofeos que acadou o Club das Pontes en toda a súa historia. Moitos desapareceron das vitrinas e outros foron deteriorándose co paso dos anos. A actual directiva, desexando recuperar ese pasado do Club, pretende recuperar moitos deles, así como as bandeirolas dos clubs ós que se enfrontou e colocalos no lugar que se merecen, nunhas vitrinas onde os afeccionados poidan velos.

Na etapa endesista hai que destacar a XXXIV edición do trofeo Concepción Arenal (1992 contra o Racing de Ferrol), a Copa Deputación de 1996, cinco trofeos “San Ramón” de Vilalba (1979, 1981, 1982, 1992 e 1994), catro trofeos “Vila das Pontes” (1976, 1979, 1986 e 1987), dous trofeos “Vila de Cedeira” (1981 e 1983),  dous “Cidade de Viveiro” (1984 e 1995), dous “Cidade de Betanzos” (1988 e 1995), dous “Concello de Mugardos” (1999 e 2000), dous “Concello de Xermade” (1981 e 1983), dous “Festas de Santaballa” (1980 e 1983) e o trofeo “Festas de Cabreiros 1980”, “Concello do Valadouro 1986”, I Trofeo A Concha de Cariño 1987, XV Trofeo “Misael Prieto” de Meirás (1990), trofeo “Festas de Bretoña 1990”, trofeo “Concello de Castro de Rei 1991” e o “Trofeo do Turista” de Guitiriz (1992).

As participacións nas Copas do Rei e Federación

A primeira participación na Copa do Rei ten lugar na temporada 1986/87 vencendo na primeira eliminatoria ó Fabril na Coruña por un claro 0-3, en partido xogado no estadio de Riazor o 17 de setembro de 1986.

Na segunda rolda enfrontouse ó Celta de Vigo. O partido disputouse no campo do Poboado o 1 de outubro do mesmo, que rexistrou unha gran entrada de afeccionados, gañando o conxunto vigués por 1-3, aínda que o Endesa As Pontes mereceu un mellor resultado. Neste partido xogaron polo Endesa As Pontes Yosu, Pereira, Andrés, Picos (Quique), Juanma, Fernández, Aneiros, Falo, Mundo, Nando e Alfonso (Rojo). Nando foi o autor do gol pontés, mentres que Lucas, en dúas ocasións, e Baltazar, de penalti, marcaron polos olívicos.

Con motivo desta primeira visita oficial a As Pontes do Real Club Celta houbo unha ofrenda floral no cemiterio municipal das Pontes, onde está enterrado Francisco Simón Calvet, aquel gran gardameta que estivera no Celta de Vigo e Deportivo da Coruña e que durante dúas temporadas fora adestrador do Calvo Sotelo, ademais de directivo do Club pontés. Ó acto asistiron membros das directivas e xogadores dos dous equipos, a peña Celtista das Pontes e a viúva e fillos de Simón.

Na seguinte temporada enfróntase na primeira rolda ó Lalín, equipo que pasa á seguinte eliminatoria ó empatar a cero goles no Poboado e gañar no seu campo por 2-1. Na temporada 1988/89 elimina na primeira rolda ó Bergantiños (1-1 en Carballo e 1-0 nas Pontes). Na segunda confrontación tócalle nada máis e nada menos que o Deportivo da Coruña. O partido de ida xógase no Poboado o 28 de setembro de 1988, cunha excelente entrada de afeccionados. O resultado final foi de empate a un gol, aínda que o Endesa As Pontes mereceu a vitoria. Fontana adiantou ós coruñeses empatando para os locais Taboada. Na volta xogada en Riazor o Deportivo que adestraba Arsenio Iglesias gañou por dous goles a cero.

Na temporada 1990/91 pasa a primeira rolda ó eliminar ó Gran Peña (2-2 en Vigo en 2-0 nas Pontes), caendo na seguinte ante o Carballiño, antes Arenteiro (0-0 en Espiñedo e 3-4 no Poboado). Na temporada 1991/92 chegou á terceira rolda, eliminando na primeira ó Vilalonga (1-3 en Vilalonga e 3-0 nas Pontes), na segunda ó Pontevedra (0-0 en Pasarón e 2-1 no Poboado), sendo eliminado na terceira ante o Manlleu, equipo ó que logo se enfrontou tamén na fase de ascenso á Segunda División A. En terras catalás 5-1 a favor do Manlleu, equipo que tamén gañou nas Pontes (0-3).

Na promoción de ascenso o resultado foi máis axustado, empate a cero goles no Poboado e derrota (2-1) en Manlleu. Os outros catro partidos desta fase de ascenso á Segunda División A, que se disputou con máis ilusión que desexos de ascenso, rexistráronse tres derrotas, ante o Atlético Marbella (2-0 en Marbella e 0-1 nas Pontes) e Yeclano (1-0 ), equipo que empatou no Poboado (1-1).

Na temporada 1992/93 elimina na primeira rolda ó Estradense, con senllas vitorias na Estrada (0-1) e nas Pontes (2-0), caendo na segunda ante o Carballiño que goleou en Espiñedo ó Endesa As Pontes por seis goles a cero e empatou no Poboado a tres tantos.

O Racing de Ferrol supera ó Endesa As Pontes na primeira eliminatoria da temporada 1993/94. O cadro ferrolán gañou con claridade no Poboado por catro goles a cero, empatando a cero goles no partido de volta disputado no campo do Meirás.

Dous anos despois (1995/96) volve a enfrontarse novamente ó Pontevedra, ó que elimina logo de empatar en Pasarón (2-2) e vencer no Poboado por 1-0. Na seguinte de novo o Celta de Vigo, que viña de disputar a final da copa en 1994, con empate (0-0) no Poboado (que rexistro unha entrada de máis dun milleiro de espectadores) e caendo con dignidade, segundo as crónicas de prensa, en Balaídos, onde plantou cara a un Celta de Vigo, que gañou pola mínima por 2-1, con goles de Gudelj, Ramiro e Berges. Xogaron polo Celta Villanueva, Michel, Tárraga, Pachi Salinas, Berges, Bajcetic, Carlos (Aguirrechu, m. 62), Merino, Ratkovic (Vicente, m. 45), Sánchez (Milojevic, m. 45) e Gudelj. O Endesa As Pontes aliñou a Suso, César (Dani, m. 45), Salido, Manolo, Xandro (Alberto, m. 45), Paz, Javi (Arturo, m. 45), Fran, Ramiro, Marco Roca e Lemos. O árbitro foi o biscaíno Iturralde González e o estadio de Balaídos rexistrou unha entrada de 10.000 espectadores.

A última participación na copa do Rei foi hai dez anos (temporada 2001/02) contra o conxunto vasco do Amurrio. No campo do Poboado rexistrouse empate a cero goles e no partido de volta disputado no estadio de Basarte da localidade alavesa o Amurrio venceu por dous goles a cero.

O Endesa As Pontes participou en catro temporadas na copa Federación. A primeira, na temporada 1994/95, elimina na primeira rolda ó Burela (1-1 nas Pontes e 1-3 en Burela), perdendo a segunda ante o Betanzos (0-0 nas Pontes e 1-0 en Betanzos). Na temporada 1996/97, eliminou na primeira rolda ó Caselas (1-1 en Caselas e 3-1 nas Pontes), perdendo a segunda diante do Cerceda (0-0 nas Pontes e 2-0 en Cerceda). Na seguinte temporada 1997/98 perde ante o Racing de Ferrol (0-0 no Poboado e 1-0 na Malata). A última participación na copa Federación foi na temporada 2001/02 ante o Celta B, perdendo en Vigo (3-2) e no Poboado (0-1).

© Antón Ferreiro

© Xosé Antón Ferreiro