PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 5 – ATLÉTICO ESCAIRÓN 1

PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 5 – ATLÉTICO ESCAIRÓN 1

Goleada do As Pontes que se sitúa noveno con seis puntos

Contundente triunfo do As Pontes ante o Atlético Escairón por 5 goles a 1. Nun comezo de contrastes, puidose adiantar o cadro visitante no primeiro minuto cun gol de cabeza tras saque lateral de falta, anulado en fora de xogo dubidoso.

Foron sen embargo os locais os que case sentenciaron no primeiro cuarto de hora. Primeiro é o central Castro quen, nun intento de despexe, introduce o balón na súa porta (8´). Co porteiro descolocado, o balón bota tralo despexe, e acaba entrando polo escuadro.

Posteriormente Eloy cabecea dentro da área cara a Dani, quen incorporándose marca de forte disparo dentro da área pequena (10´). Despois é Ramos o que lle pasa o balón a Adrián Iglesias, e o xogador de Agolada, de costas a portería, e sen deixala caer, marca dun potente disparo que se cola poloa escuadro (15´) poñendo o 3-0 no marcador, e case establecendo a sentenza.

En pleno desconcerto visitante Ramos case consigue regatear ó último defensa, que finalmente logra despexar o balón e evitar que o xogador ferrolán se quedara só ante Javier (17´).

De aí ó descanso o xogo ralentizouse un pouco, pero houbo tempo para ver un centro dende banda de Adrián ó que non chega Eloy por pouco (30´) ou un bo tiro de Aitor no que Paco fai una gran parada (37´).

Preto do intermedio poñíanselle as cousas definitivamente de cara ós locais tras ser expulsado con vermello directo o visitante Iván González, supostamente por dirixirse en malos termos ó colexiado (42´). E puido chegar o cuarto nun cabezazo en plancha de Eloy ó lateral da rede (45´).

O segundo tempo comezou con grandes ocasións para os de Marco Roca. Nunha xogada entre Adrián e Ramos dentro da área, acaba rematando frouxo o xogador ferrolán (51´). Logo, un tiro cruzado de Alex marcha por pouco (52´), ou nun control perfectamente orientado de Eloy queda só de cara a porta, e o seu remate despexao milagreiramente Javier (55´).

Pero sen embargo, e a pesar de xogar cun menos, foron os visitantes os que nunha contra se prantan no borde da área, despexa Paco o tiro, pero chegando só ó segundo pau, o capitán Quiroguita marca de tiro cruzado a porta baleira (66´).

O tanto xerou algo de incertidume, ata que o recén ingresado Pardo se volve a marchar por banda dereita, centra preto da liña de córner, e Eloy dentro da área pequena marca un golazo de tacón sorprendendo ó gardamallas lucense (72´).

Co equipo vermello volcado no ataque puido chegar o quinto dos azuis. Nun xogadón de Pardo, que recorre toda a banda dereita, prantase só ante Javier, pero coa dúbida de si centrar ou rematar, acaba disparando frouxo (76´). Un bo pase cara atrás de Quique, tamén é rematado frouxo por Jaime en posición franca (80´).

Nos últimos minutos os azuis tamén xogaron con dez trala lesión de Chis, e ter os cambios feitos agás o do cancerbeiro Kiko. Non se notou a baixa, pois o quinto chegou tras un potente disparo raso do canteirán Dani Carballeira dende fóra da área (89´).

E puido caer a media ducia, xa que o propio Carballeira non atina a rematar de tacón co porteiro vencido (90´), nunha internada de Pardo por banda esquerda, o seu forte disparo despexao Javier como pode (92´), e cun disparo de Bossa por alto que case sorprende ó porteiro rematou o encontro (94´).

Sen tempo para celebracións, o As Pontes xa pensa en tentar conseguir os tres puntos a vindeira xornada en casa ante o Xallas. Os azuis son novenos con seis puntos e reciben a un conxunto que leva dous empates. Por riba destacan o Paiosaco, con doce puntos e pleno de vitorias, e con nove están Polvorín e Dubra.

5 CD As Pontes. Paco, Criado, Alex, Chis, Dani, Roberto, Ramos (Pardo 64´), Bossa, Eloy (Carba 79´), Fidi (Jaime 79´), Adrián Iglesias (Quique 64´)

1 Atlético Escairón. Javier, Aitor (Manu 67´), Leo (Couñago 62´), Iago, Castro, Iván, Carrasco (Carlitos 45´), Caio (Dafo 74´), César, Quiroguita, Pandiani (Basan 30´).

Goles: 1-0, Castro, en propia porta (8´), 2-0, Dani (10´), 3-0, Adrián Iglesias (15´). 3-1, Quiroguita (66´), 4-1, Eloy (72´), 5-1, Carba (89´).

Árbitro: Rubén Reborido Rodríguez (A Coruña). Auxiliado nas bandas por Sánchez Martínez e Juncal García. Amarelas a Roberto, Pardo, César, Iago e Couñago. Expulsado Iván González con vermella directa (42´).

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores en tarde encapotada. Antes do comezo do encontro gardouse un minuto de silencio polo falecemento de Jose Julio Franco, “Che”, ex directivo e delegado de diversos equipos de base, pai do directivo Jose Antonio Franco “Minchi”, e avó do xogador do xuvenil Jose María Franco “Chema”.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.